logodeporte galego
    • 09/06/2014

    TRIAL INDOOR SEMANA VERDE DE SILLEDA

    O I Trial Indoor Semana Verde celebrarase o 14 de xuño no marco da feira con destacados pilotos desta disciplina do motociclismo

    Silleda, 6 de xuño de 2014.-  A 37ª Semana Verde de Galicia, a cal terá lugar  do 12 ao 15 de xuño na Feira Internacional de Galicia, será o marco de celebración do I Trial Indoor Semana Verde.

     

    Esta copa, incluída no calendario da Federación Galega de Motociclismo, foi presentada esta mañá no recinto feiral polo director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, quen destacou que este evento responde á intención da Fundación de “abrir o recinto a outra actividades” e que “conecta” con Motor Show que se celebrará a finais de setembro ou principios de outubro no recinto; así como por Edelmiro González, presidente do Motoclub Deza, organizador do evento, quen fixo fincapé en que as instalacións son “inmellorables” para a proba e en que esta será moi “espectacular”, ademais de  agradecer á Fundación a posibilidade de levala a cabo. Así mesmo, estivo presente Daniel Antelo, secretario deste clube.

     

    O I Trial Indoor Semana Verde contará con 8 destacados pilotos, cun importante palmarés tanto a nivel rexional como nacional, e nalgún caso incluso mundial. Así, na categoría “senior” ou “elite” participarán os irmáns Jorge e José Manuel Suárez, de Boiro. O primeiro deles foi gañador de varios campionatos galegos e podiums en  campionatos de España en “senior”, mentres que o segundo conta con dez campionatos de Galicia e tres de España, ademais de estar considerado nos anos 90 un dos tres mellores do mundo en Triales Mollados, na época de Jordi Tarrés.

     

    Ademais, estarán presentes o boirense Santi Suárez, campión galego en “senior” que o vindeiro ano dará  o salto a nacional, e Gabriel Marcellí, de O Rosal,  campión de España xuvenil en 2012 e 2013, campión galego en varias categorías e actual líder do Campionato de España cadete.

     

    Por outra banda, en categoría “júnior” os asistentes poderán ver ao cangués Martín Rioboo, campión galego xuvenil e 3º de España nesta categoría en 2013,  ao coruñés Alén Damil e ao lucense Yago Gómez, ambos habituais do podium no Campionato Galego Júnior. Ademais estará Sergio Segade, tamén de Boiro, promesa que comezou a competir o ano pasado.

     

    Gran espectacularidade

     

    O I Trial Indoor Semana Verde contará con gran vistosidade para o público asistente, xa que estará conformado por 5 zonas de gran espectacularidade e unha carreira a base de tubos e castelo de5 metrosde altura (estrutura cunha rampla vertical por un lado e unha escaleira polo outro que os pilotos deben superar). En canto ás zonas serán de rodas, tubos, pedras, travesas e contedores.

     

    Esta proba, que terá lugar o sábado 14 de xuño, penúltimo día da feira Semana Verde, levarase a cabo 4 veces ao longo do día. Así o público poderá vela ás 12:00h, 17:00h, 18:00h e 20:00h

     

    O mundo do motor na FIG

     

    Este I Trial Indoor Semana Verde é o punto de partida da incorporación do mundo do  motor no calendario da Feira Internacional de Galicia. Así, ao Motor Show sobre o que informou Ricardo Durán na presentación, súmase a posibilidade de realizar no recinto unha proba do Mundial de Trial Indoor, para a cal se están levando a cabo negociacións.

    Descargar fichero
  • Zona Privada

    Realiza tus trámites de manera rápida y cómoda mediante la nueva Zona Privada, totalmente compatible con tablets y smartphones.

    Acceder

Patrocinadores